Thursday 16 de May de 2024

Preto de 4.300 mozos e mozas participaron en 2014 nos case 200 foros organizados polos equipos de dinamización xuvenil


O obxectivo destes encontros foi difundir entre a mocidade a información e ferramentas necesarias para desenvolver proxectos de participación xuvenil

Preto de 4.300 mozos e mozas participaron en 2014 nalgún dos 186 foros organizados pola Dirección Xeral de Xuventude a través dos seus equipos de dinamización.

Este encontros –que se celebraron baixo a denominación “Taller de ideas: cara o emprendemento desde a participación” nos concellos e “Laboratorio de proxectos” nos campus- tiveron como obxectivo difundir entre a mocidade a información e ferramentas necesarias para desenvolver proxectos de participación xuvenil de calidade. Así, a partir desta iniciativa e grazas ao asesoramento dos técnicos, desenvolvéronse 150 proxectos de educación non formal.

Os obradoiros tiveron ademais outros obxectivos como potenciar o talento e o liderado xuvenil, e consolidar os programas de participación xuvenil como actividades de aprendizaxe non formal que permiten aos participantes desenvolver as súas capacidades, creatividade e espírito emprendedor, ao involucrarse na posta en marcha dos seus propios proxectos.

Nos foros participaron mozos e mozas menores de 30 anos, animadores xuvenís, técnicos locais de emprego, axentes de desenvolvemento local, concelleiros de xuventude, asociacións xuvenís, grupos informais e, en xeral, calquera colectivo interesado en programas de educación non formal. Con todo, dado que os encontros se centraron nos proxectos de participación, estiveron enfocados principalmente a entidades de carácter xuvenil ou mozos e mozas xa decididos a presentar propostas no marco do programa Iniciativa Xove ou outros similares.

En concreto, nos encontros facilitouse información sobre os programas Erasmus +, Iniciativa Xove, Voluntariado Xuvenil e Galeuropa. O primeiro deles, da Comisión Europea, inclúe tres liñas principais: proxectos de mobilidade; actividades que fomenten a colaboración entre institucións e organizacións xuvenís co mundo laboral; e actividades de apoio ao diálogo entre os mozos e os sistemas educativos, formativos e as institucións democráticas.

Pola súa banda, os outros tres programas correspóndense con ordes da Consellería de Traballo e Benestar. Iniciativa Xove permite sufragar aqueles proxectos protagonizados e impulsados polos mozos e mozas galegos, a través de asociacións ou ben de grupos informais.

O Voluntariado Xuvenil apoia a incorporación da mocidade como voluntarios en proxectos desenvolvidos por entidades e concellos. Os participantes recibirán unha certificación oficial da experiencia adquirida.

Xa por último, Galeuropa é un programa de mobilidade que permite aos novos titulados universitarios ou de formación profesional realizar prácticas formativa sen empresas doutros países.